NORMAS
1 Horario:
- O comedor comezará o primeiro día lectivo do mes de setembro e finalizará o último día lectivo do mes de xuño.
- Horario de madrugadores das 7:30 ás 9:00 horas.
2) Procedementos de inscrición, baixa e modificacións de servizo. Documentación. Pago
- Inscrición deberá formalizarse no período indicado pola ANPA e será necesario entregar o formulario (MODELO 1) debidamente cumprimentado nos lugares indicados.
- Baixas e modificacións. As baixas voluntarias e as modificacións (estas últimas só para fixos e fixos descontinuos) deberán formalizarse entregando os formularios (MODELO 2 ou MODELO 3) nos lugares indicados pola ANPA antes do día 26 do mes anterior ao que teñan que facer efecto.
* Baixas de oficio: dado que o comedor escolar é un servizo complementario, non obrigatorio e organizado pola ANPA, a xunta directiva da Asociación poderá decidir directamente sobre a baixa dalgún alumno/a ante o reiterado incumprimento destas normas. Así mesmo, o desenrolo diario do servizo acordado pola empresa e o APA, tendo en conta as necesidades de cada momento e sempre primando a seguridade dos usuarios, será de obrigado cumprimento.
Documentación que se precisa
i) Para a inscrición de comedor: MODELO 1
ii) Para a modificación ou baixa (comedor ou madrugadores): MODELO 2
iii) Para a inscrición de madrugadores: MODELO 3
iv) Para a solicitude dunha dieta especial por prescrición médica: ANEXO I
v) Se existise algún tipo de indicación específica sobre as persoas que poden facerse cargo do alumno tras o tempo de comedor ou ben se vai recoller o neno outra persoa que non sexa a habitual, a familia deberá presentar autorización expresa á persoa responsable do comedor coa suficiente antelación.
Pago
Farase por adiantado e mediante domiciliación bancaria a principios de mes por parte da empresa de ‘catering’ responsable. Cobrarase un importe en concepto de “seguro de comedor” xunto coa primeira mensualidade. O incumprimento continuado do pagamento determinará, previa comunicación ós pais do usuario, a perda do dereito ó servizo de comedor.
3 O persoal dos servizos
a) A misión fundamental do persoal do comedor é atender ós nenos, educalos axudándolles a adquirir hábitos posturais, de alimentación e de hixiene correctos. É fundamental que as familias apoien esta labor cando os pequenos coman nas súas casas.
b) As funcións principais do persoal do comedor serán:
- Estimular, favorecer e coordinar hábitos correctos de alimentación, hixiene e comportamento establecendo as pautas dos comensais: lavado de mans antes do xantar, entrada organizada no comedor, como se sentan, como se serven, cando se levantan, aseo despois do xantar, etc.
- Establecer un ambiente de respecto entre os comensais e co persoal.
- Impoñer as sancións necesarias ante casos leves de incumprimento deste regulamento.
- Vixiar, tanto no tempo de hixiene coma no tempo de permanencia no comedor ou no tempo posterior de lecer, acompañando en todo momento ós nenos/as e guiando o correcto uso das instalacións e fomentando a cooperación, o respecto ás persoas e á natureza.
- Educar ós comensais nas normas básicas de comportamento na mesa:
1) Non se porán os cóbados na mesa
2) Non se falará coa boca chea
3) Masticarase coa boca pechada e sen facer ruído
4) Non se beberá antes de ter tragado a comida
5) Antes de beber limparase a boca coa servilleta
6) Non se utilizarán cubertos ou alimentos que teñan caído ó chan
7) Utilizaranse correctamente os cubertos:
7. 1. Non se empuñarán nin se xesticulará con eles
7.2. Non se fará ruído golpeando cos cubertos os pratos, vasos…
7.3. Non se levará o coitelo nin a pala do pescado á boca
7.4. Ao rematar de xantar colocaranse sobre o prato
7.5. O pan individual non debe cortarse co coitelo
7.6. En ningún caso se poderá xantar coas mans
- Marcar as directrices de utilización dos espazos das actividades lúdicas, inclusive as zonas do patio que se van utilizar para as actividades de lecer tras o xantar. Comprobar que o recinto permanece pechado durante o servizo.
- Relacionarse cos membros da xunta directiva da APA, coas familias dos usuarios do servizo e co equipo directivo do centro segundo os protocolos establecidos pola Asociación de Pais.
- Asistir e acompañar ós comensais enfermos ou accidentados mesmo no seu traslado a un centro hospitalario se fose preciso, permanecendo en contacto coa familia ata que esta se faga cargo do menor. Cómpre que os pais inclúan no impreso de solicitude un número de teléfono no que estean dispoñibles no horario do comedor.
- No caso de que os pais precisen contactar urxentemente cos monitores no horario de comedor poden chamar á Coordinadora. Os datos de contacto figurarán na Guía da Apa.
4) Os usuarios do comedor:
a) Os comensais que utilicen o servizo deberán valerse por si mesmos durante o tempo de comedor, agás os de NEE.
Así mesmo, os de máis curta idade deberán controlar os esfínteres; se se producise algún incidente neste sentido avisarase ós pais do neno/a para que poidan acudir ó centro a resolvelo.
b) Se un día determinado non se vai facer uso do comedor cómpre avisar previamente á coordinadora.
c) Os alumnos deberán encontrarse ben de saúde, pois se trata dun servizo con alto risco de contaxio
d) Hai que tomar precaucións cos medicamentos: deberá organizarse o horario da súa administración de forma que non coincida co do comedor escolar. No caso de que non sexa posible as familias deberán presentar a prescrición médica asinada polo pediatra indicando o medicamento, a dose e a duración do tratamento.
e) Os alumnos de infantil deberán traer un neceser con cepillo e pasta dentífrica marcados co seu nome; o cambio de cepillo e a renovación da pasta terá lugar cada trimestre (en xaneiro e despois de Semana Santa). Os alumnos de primaria levarán o cepillo e a pasta cada día na súa bolsa da merenda ou mochila. Tamén deben traer un gorro ou viseira marcada co seu nome para utilizar no patio os días de sol, poden deixala no comedor ou levala cada día na bolsa da merenda ou mochila.
f) Cada inicio de curso se establecerán as directrices de como chegarán os alumnos/as ás dependencias do comedor, quen os levará ata alí, onde os recollerán, a partir de que momento estarán a cargo do persoal do comedor, etc.
g) En cada xornada, antes de poñerse a xantar, os rapaces serán acompañados polos monitores para que se laven as mans e usar os urinarios se fose necesario. Así mesmo, despois do xantar repetirase o proceso para a limpeza dos dentes.
h) Entrarán nas dependencias onde se desenvolva este servizo na orde establecida polo persoal, sen gritar, nin correr, nin empurrar ós compañeiros. Permanecerán debidamente sentados nas súas cadeiras, sen xogar ou abanearse nelas.
i) Durante o xantar manterase un ton de voz baixo e nunca se poderá berrar. Levantarase a man para captar a atención do monitor e esperarase a que este poida atender ó neno/a, calquera que sexa a súa petición. En ningún caso se levantarán antes de ter o permiso do monitor.
j) Tratarase sempre con respecto ós compañeiros/as e se lles axudará de maneira especial se son pequenos ou sofren algún tipo de discapacidade.
k) Comerase de todos os alimentos que se sirvan, aínda que só sexa un pouco de cada un de eles.
l) Todos os nenos colaborarán despois de comer recollendo a menaxe do comedor e colocando de forma ordenada as mesas e as cadeiras.
m) Deixarase o comedor na orde establecida polo monitor, sen gritar, nin correr, nin empurrar.
n) Durante o tempo de lecer, despois do xantar, os nenos nunca sairán do recinto escolar. Estarán cos seus monitores xogando ou facendo actividades lúdicas: xogos, concursos, teatro, … procurando evitar a actividade física forte para non interromper a dixestión da comida.
o) O servizo de comedor non se fará responsable das perdas ou extravíos de obxectos pertencentes ós rapaces.
p) O persoal que desenvolve as súas funcións no tempo de comedor forma parte da comunidade educativa e se lles debe absoluto respecto. O incumprimento dalgunha norma podería derivar na correspondente chamada de atención ó usuario por parte dos monitores. Cando se produza a terceira chamada de atención, o monitor comunicará o caso á xunta directiva da APA para que esta lles remita un escrito ós pais informándolles do mal comportamento do alumno. Se esta situación se repite remitirase o caso á dirección do centro para a aplicación das sancións correspondentes de acordo coas directrices marcadas polo Programa Educativo do Centro e o Real Decreto 732 de 1995.